A orquestra folk promete «moita alegría» para a actuación que ofrecerá este sábado, a partir das nove, no auditorio
Sondeseu é, como onte explicaba un dos seus integrantes, Xaquín Xesteira, o froito dunha experiencia didáctica que comezou hai dez anos e que hoxe xa está asentada e con tres traballos discográficos no seu haber. O terceiro deles, que leva por título Barlovento, será o que centre a programación do concerto que este sábado a formación ofrecerá no auditorio de Vilagarcía a partir das nove da noite. A actuación inclúese na programación conxunta que desenvolven o Concello de Vilagarcía e Novacaixagalicia.
As entradas xa están á venda para quen desexe mercalas de xeito anticipado. Pódese facer a través da páxina web www.servinova.es ou chamando ao número de teléfono 902 504 500. Tamén se poderán adquirir o mesmo día da actuación na billeteira do auditorio a partir das sete da tarde. Os prezos son de oito euros na zona A, seis na zona B e tres na zona C do patio de butacas.
Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. Con corenta músicos sobre o escenario, o seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados polos responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.
Naceu no ano 2001 a partir do antigo departamento de música tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, hoxe Escola municipal de música folk e tradicional. Foi concebida como unha experiencia singular que persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade.
Nos seus concertos interpretan «muiñeiras, xotas, pasodobles,... todo con moita alegría». Trátase dunha «celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana».
A orquestra está dirixida por Rodrigo Romaní, director tamén da sección de arpas; Anxo Pintos é o director da sección de zanfonas e presidente da Fundación Sondeseu; Xosé Liz, coordinador das seccións de requinta e bouzouki; Alfonso Franco, responsable da área de violíns; Francisco Javier Feijoo, Chisco, director da sección de canto; e Xaquín Xesteira, director das seccións de percusión e gaitas.
La Voz de Galicia
1 comentario:
Que pena! para min non vai poder ser!!! para a próxima!
Publicar un comentario